Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Fene trasladará os restos do Bloque 8 da mazá B do cemiterio municipal aos novos nichos construídos o ano pasado


O BOP publicou este mércores o anuncio dándo un prazo de 10 días hábiles para formular alegacións á resolución da alcaldía

O traslado, do que xa se informou ás familias, farase sen custe e mantendo a mesma distribución das inhumacións

O cambio de restos á nova ubicación do camposanto deberán coordinarse coa Unidade de Cemiterios na Casa do Concello (672 457 028)

O Cemiterio Municipal de Fene presenta desde hai tempo deficiencias nun dos bloques de nichos situados na parte central do camposanto. Trátase do Bloque 8 da maza B, que comprende os ocos desde o número 673 até o 780, seriamente afectados por fendas e filtracións. O Concello xa lle comunicou ás familias a necesidade de trasladar os restos mortais a un dos bloques da ampliación rematada o ano pasado.

As familias deben coordinar o cambio coa Unidade de Cemiterios e desde o Concello infórmase que a operación non lles suporá gasto ningún. De feito, será a Administración local quen se ocupe da solicitude de permisos sanitarios e da reinhumación, garantíndolles que os seus defuntos descansarán coa mesma orde no novo emprazamento e incluso coas mesmas calidades no acabado das lápidas.

A necesidade de traslado, anunciada oficialmente no BOP como notificación pública e efectos de posibles alegacións, significa tamén que os soterramentos das concesións afectadas deberán facerse a partir de agora nos nichos novos que se lles asignen.

Neste sentido, o consistorio aproveitará o procedemento para actualizar a titulariedade das concesións, que nalgúns casos figuran aínda a nome de persoas falecidas desde hai anos. Porén, o traslado non implica modificacións na situación xurídico-administrativa das concesións nin suporá a adquisición de novos dereitos, tampouco por parte de aquelas que se atopen extinguidas ou que non estean ao día do pagamento de calquera tributo.

Para obter máis información e fixar a data dos traslados, as familias deben contactar coa Unidade de Cemiterio na Casa do Concello. A oficina atende presencialmente en horario de 10 a 13:00h durante todo este mes de abril e de 9:00 a 13:00h a partir do día 2 de maio. Tamén se pode contactar con ela a través da centraliña municipal -981 492 707- ou do teléfono directo 672 457 028.